LETRAS GALEGAS 2024

 


Na xornada de hoxe celebramos por todo o alto o día das nosas letras. Pola mañá acudimos a un acto no Auditorio Municipal de Cee no cal a escritora e veciña María Canosa nos fixo viaxar polo camiño dun pentagrama (si, si, dun pentagrama) no cal as propias notas musicais nos ían contando a vida da escritora homenaxeada este ano, Luisa Villalta. 
Logo a alcaldesa da nosa vila, Margarita Lamela, falounos un pouco sobre a historia do certame “Concurso de achegamento ao libro” e “ Na procura do noso parcapáxinas” e animounos a seguir con esta bonita tradición.  Finalmente procedeuse á entrega de premios, na que moitos de nós non puidemos conter a emoción ao ver que eramos premiados polas nosas creacións.
Xa de tarde, volvemos ao noso cole para celebrar, agora dun xeito máis desenfadado, este día. Non faltaron gaitas, pandeiretas, bombos, bailes e todo tipo de cánticos tradicionais para mimar as nosas fermosas tradicións. 
Sen dúbida un día sensacional, no cal lembramos que o máis importante para unha lingua é non deixala morrer.  FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!!